O meu sistema real de organización
Como pasei de vivir en piloto automático a un sistema persoal con menos ruído mental e máis felicidade.
Estaba perdido. E chamarlle doutro xeito sería minimizar o caos mental que tiña. Nin tiña as cousas claras, nin un obxectivo fixo, así que parecía un can perseguindo a cola todo o tempo, en círculos e con mil rodeos para chegar a algo. Sempre había algo novo ou empezado, unha idea que me chamaba a atención e ía tras ela. Ou unha nova rutina que esta si que ía ser a que me axudara a conseguir algo.
Ía en piloto automático absoluto, así que pasei bastante tempo perseguindo cousas vagas, cun avance case nulo e cunha sensación de non construír nunca nada importante. Había máis ruído ca foco, e máis enerxía gastada ca realmente aproveitada (por horas que lle metía non sería jajaja). E como ademais gústame todo, interésame case calquera cousa e sempre lle vexo sentido ao que apaixona a outra xente, acababa con demasiadas frontes abertas e moi pouca claridade sobre cales eran de verdade as importantes para min. E isto para todo, tanto en programación con novas tecnoloxías, frameworks e linguaxes, como no meu tempo libre: pintura, edición de vídeo, carpintería, restauración, circuítos eléctricos, mecánica, fotografía...
Non estaba nunca quieto, sempre canso, e dende logo nada orientado. Facía cousas, si, pero moitas veces con esa sensación de non aterrar nada concreto e de non ir cara ao sitio axeitado. Estábame convertendo nun mestre do skillstacking, pero sen obxectivos concretos.
E co tempo dinme conta de que non me faltaban proxectos, nin ideas, nin máis traballo, nin estudo (que bueno, isto sempre fai falta, é un xeito de falar). O que me facía falta era ser moito máis honesto comigo e tamén algo que me contivese: unha estrutura que me axudase a elixir, a aterrar e a non deixarme arrastrar pola miña mente caótica. Non un dashboard perfecto, nin unha app que mo faga todo, nin rutinas perfectas encorsetadas que parecen a mili, senón algo máis orgánico e real: un sistema para vivir e traballar con claridade, sen converterme en un funcionario aburrido da miña propia vida. Porque isto vinllo bastantes veces á xente, e algunha que outra vivino: montas unha organización moi bonita e acabas currando para ela, non con ela.

As 3 personalidades
O primeiro e máis difícil (polo menos para min): sentarme a pensar que quero ser de verdade e como quero verme, que partes de min quero construír. Nin me saíu á primeira, nin foi agradable. Entre autosabotaxe, ruído mental, ruído externo e unha morea de anos facendo o idiota comigo mesmo, chegar a iso custa máis do que me tería gustado.
Destilando moito o tema, cheguei a tres formas de orientarme: tres personalidades. A día de hoxe son o centro de todo o demais, e non o digo como teoría bonita para explicarme mellor, senón porque de verdade sen elas moitos días andaría perdido e mesturándoo todo de novo.
A primeira é a de Arquitecto de produtos. Non ten só que ver con programar, nin con deseñar, nin só con sacar curro adiante. Ten que ver con pensar produtos, construír cousas que sirvan e dar forma a ideas con sentido. Aí entra o developer, claro, pero tamén a parte de concepción, de deseño, de escoitar necesidades e de atopar unha solución coherente. Non me interesa só executar algo, interésame entender o conxunto e levantar algo con estrutura, utilidade e agarimo detrás.
A segunda é a de Deportista. Esta hai anos nin se me pasaría pola cabeza, cun físico deficiente, co maltrato que lle daba ao corpo e cunha saúde máis que suspensa. O deporte víao lonxísimo. Dábame preguiza, parecía que era para outro tipo de xente e durante moito tempo chegueino a ver como unha perda de tempo para min. Logo empecei por saúde, descubrín o pádel e aí pasou algo importante: empecei a notar que melloraba, que o meu corpo respondía, que cousas que eu daba por imposibles igual non o eran tanto. E aí, pimba, abríuseme a cabeza e abríuseme un mundo novo: volvín a patinar, a nadar, fun moitísimo máis de sendeirismo (si, a camiñar e meterme bocatas como camións jajaja) e quero empezar co surf no verán. Xa non o vexo como algo alleo a min, senón como unha parte importante de como quero vivir.
E a terceira, Disciplinado. Esta quizais soe máis simple, pero é a máis importante. Porque por moito que teñas ideas, valores ou ganas de construír unha vida mellor, se non o fas, e ademais cando toca, todo o demais é fume. Non serve para nada. Hai moitas cousas que non apetecen. O cerebro é moi cuco e vai intentar esquivar esforzos, montarte escusas convincentes e disfrazar de cansazo o que en realidade é resistencia pura e dura. Así que esta personalidade está para iso: para executar, para soster e para non renderse na primeira curva. Non ten nada de épica, pero sen ela nada funciona.
Estas tres forman o meu bloque de personalidade principal, as miñas tres facetas: ADD, Arquitecto, Deportista, Disciplinado. Gústame porque suman en vez de restar. Non están pensadas para castigarme nin meterme nun cárcere mental, senón para lembrar que partes de min quero desenvolver e poñer ao mando. E aquí é onde realmente comeza o meu sistema. Sen isto primeiro, o demais sería outra capa bonita por riba da mesma merda.
As miñas ferramentas para a guerra
Unha vez tiven iso máis claro, o seguinte foi deixar de buscar unha ferramenta que o fixese todo. Ese foi un dos erros que máis repetín: querer meter pensamento, tempo, tarefas, memoria e revisión na mesma caixa, coma se por telo todo xunto fose estar todo máis claro. E non. Acababa todo moi ordenado e a simple vista moi bonito, pero por detrás seguía tendo a cabeza feita unha merda e, peor aínda, custábame moitísimo mantelo no tempo.
A libreta é a miña primeira ferramenta e a máis simple. Aí nada máis erguerme aterro o día. En papel eu aterro mellor o que penso, vou máis amodo e noto antes cando a idea ten sentido e cando só estou rebotando cousas.
Todos os días márcome un mínimo de cada unha das miñas tres personalidades. Algo pequeno, incluso ridículo se fai falta, pero que poida cumprir ata nun día malo. Iso sérveme para non romper o fío e para non caer nesa trampa de pensar que se o día non sae perfecto xa non conta nada, porque aínda que só faga un pouco xa estou avanzando. Estes mínimos non os anoto, son cousas fixas que me valen como progreso.
- Arquitecto: escribir unha nota, idear un compoñente, comentar algo de código, organizar uns arquivos...
- Deportista: saír a dar uns pasos, facer unhas sentadillas, unhas flexións...
- Disciplinado: facer as outras dúas personalidades, escribir o volcado do día...
Pero ademais deses mínimos, tamén me marco obxectivos por personalidade. Non tarefas soltas, senón o obxectivo importante do día en cada fronte. Os mínimos están para non romper o fío. Os obxectivos, en cambio, están para darlle dirección ao día.
Logo entra Google Tasks, primeiro, e despois Google Calendar. En Tasks van as tarefas concretas do día: enviar un paquete, falar con alguén, facer un recado, limpar algo... Cousas que teño que facer, pero que podo executar en calquera momento ou oco do día. Despois entra Google Calendar. Aí vai o inamovible, o que ten que vivir nun bloque de tempo concreto: o meu horario de traballo, os horarios do ximnasio, partidos de pádel, citas con médicos, reunións... Separar isto axúdame unha barbaridade: primeiro destilo o que teño que facer en tarefas, logo miro o día no calendario e vexo se me falta encaixar algo.
Á noite, antes de cear, entra en xogo Obsidian e o meu Second Brain. Aquí fago o peche do día, un volcado en bruto de todo o que fixen, coas miñas palabras, para ver con máis claridade as miñas vitorias, os meus fallos, que se repite e que queda pendente. Non o uso como axenda nin como lista de tarefas. Úsoo como memoria e mapa. Como o sitio onde as cousas non só se gardan, senón que empezan a conectar entre si. Disto podería falar bastante máis, pero dá para outro artigo enteiro.
E por último, pero non menos importante, xusto antes de durmir (ou antes de poñerme a ler), volvo á miña libreta. Aí comprobo os obxectivos que me puxen pola mañá e anoto en papel as tarefas e as cousas que quero facer ao día seguinte, xusto para non deitarme con todo iso rondando pola cabeza e para erguerme con máis claridade. Se non fago iso, déitome co día seguinte xa subido enriba.
O importante non é organizalo todo, senón vivir con menos ruído
E digo isto porque pouco a pouco volvínme un maniático da organización, e teño que frearme a min mesmo para volver ao camiño. Por iso fun construíndo todo isto, non só para ser máis produtivo nin para sentir que agora son unha versión ultra optimizada de min mesmo. Monteino para vivir con menos ruído, máis claridade e menos fricción entre o que quero ser e o que fago cada día. Que non é pouco. Porque se organizarme mellor só servise para encherme máis o día, sinceramente, vaia merda.
Tamén teño moi claro que canto máis intento dixitalizalo todo e estar máis conectado, peor penso. Canto máis mesturo descanso, captura, traballo e revisión no mesmo cacharro e case no mesmo xesto, peor desconecto. Por iso creo que a desconexión non vai separada do sistema, vai polas súas veas. O papel axúdame a pensar e a ter foco de verdade. O peche axúdame a soltar lastres. A separación entre ferramentas axúdame a non ter metida a cabeza todo o día no mesmo cu dixital.

Non digo que atopase un sistema perfecto, nin creo demasiado nesa idea. Pero o que de verdade sinto é que por fin teño algo que se adapta a min de verdade. Un no que as miñas tres personalidades principais non compiten tanto entre si, onde cada ferramenta cumpre unha función concreta e onde organizarme non se parece tanto a construírme un cárcere bonito, senón a algo que non me dá preguiza e quero facer.
Por si só non me arranxou a vida, pero dende logo quitoume moitísimo ruído e fixo que a desfrute moito máis. Non sei se me levará exactamente a onde quero chegar nin canto tardarei, pero agora vou con bastante máis claridade e bastante menos ruído. E iso xa me cambia moito a película.