Se non cabe na miña mochila
Reducir o meu armario a unha mochila non foi postureo minimalista. Foi unha forma de deixar de acumular por inercia e volver escoller con criterio.
O meu armario agora cabe en unha mochila. E foi a mellor decisión que non planifiquei.
A ver, levaba tempo dándolle voltas a que odio a fast fashion, ter mil cousas e a compra compulsiva. A nivel humano e a nivel ecolóxico. Pero tamén me gustou sempre moito expresarme a través da roupa e vestir ben. E vestir ben non significa comprar o máis caro nin ir á moda. Significa ter personalidade ao vestir, certa coherencia, un estilo propio, personalizar a roupa...
E iso levoume a buscar moitas pezas raras, cousas que ía atopando e, en definitiva, a acumular. Porque o que se me ía estragando moitas veces personalizábao e usábao máis, pero tamén ía atopando cousas novas e dándome caprichos. E iso acabou en ter unha chea de roupa. Moitísima máis da que necesito eu, ou da que necesita calquera.
A mudanza que me obrigou a decidir
Esa sensación de ter máis do que necesito e seguir comprando sempre me daba culpa, pero nunca acababa de tomar a decisión. Ata que hai unhas semanas tiven unha mudanza. Xoder, aí a sensación fíxose enorme.
Ver todo o que tiña que mover dun lado para outro, velo todo tirado por aí, non saber onde metelo, o estrés de pasar días con todo revolto pola casa... fíxome dar conta de que non podía seguir así, indo en contra dos meus valores por culpa da miña mente caótica e de que me gusta todo. E moito menos podía aceptar que algo material me causase ese nivel de estrés e malestar. Iso xa é o último.
Decidín quedar co básico, doar o resto e gardar no trasteiro algunhas cousas de tempada. Tampouco moito, non máis de dúas pezas. Porque non pinta nada unha chaqueta de inverno gorda no verán, e cando chegue o inverno non pinta nada un chaleco vaqueiro. Para doar, como sei que me custa desprenderme de moita roupa por ese cariño un pouco parvo que temos os humanos ás cousas, púxenme unha regra de tres meses: se en tres meses non se me ocorre subir ao trasteiro por ela, dóoa sen miramentos. E cando me puxen a escoller, decateime de que en realidade xa tiña bastante claro o que quedaba.

Que queda na miña mochila
10 camisetas básicas: negras, brancas e amarelas. Todas lisas ou con pouco detalle. E non é por minimalismo, nin porque non me gusten as camisetas con deseños guapos. É que estou bastante tatuado e mesturar unha camiseta con estampado ou debuxiños acaba parecéndome un batiburrillo de patróns que me chirría á vista. As tatuaxes xa son unha parte importante do vestiario sen ocupar espazo, e a roupa ao final é o fondo.
10 gallumbos. Aquí gústame telos tipo bóxer, soltos, con fantasía e patróns raros. 10 calcetíns: case todos brancos de deporte, algún ben hortera e especial. Son pequenos detalles que non se adoitan ver, pero cando se ven (que sempre se me acaban vendo jajaja) gústame que destaquen e sexan bonitos. Iso é o básico para facer a colada unha vez á semana. Quedaría con menos, pero facendo deporte, segundo o día e a hora, pode que necesite dúas mudas.
3 pantalóns de chándal, 3 pantalóns para vestir, 5 sudadeiras. Todas con capucha: 2 con cremalleira e 3 normais. Cada peza seleccionada con mimo, cada peza coa súa personalidade, coa súa historia e co seu motivo para estar aí.
Co calzado quedei con tres pares: as zapatillas do ximnasio, que tamén son as do día a día; unhas Nike brancas e amarelas ás que lles teño un cariño que non sei moi ben explicar, pero que encaixan perfectamente coas miñas cores base (negro, amarelo e branco), combinan con absolutamente todo e non é casualidade; e unhas Dr. Martens clásicas para cando toca algo máis.
Coas chaquetas, o criterio foi o mesmo: unha bomber negra, unha de coiro personalizada, un chaleco e unha chaqueta vaqueira negros con parches, unha vaqueira clara cos rotos cosidos con tea amarela de fondo (porque un roto non ten por que ser o final dunha peza), e un abrigo longo negro para o frío de verdade. Frío ou calor, sen entretempo, sen chaquetas “por se acaso”. Se teño frío poño unha sudadeira debaixo; se teño calor, quítoa.
Mercar menos, coidar máis
Intento que estas pezas non sexan compradas en calquera sitio. Gústame apoiar a negocios locais e pillar pezas máis únicas. E, por que non dicilo, moitas veces tamén mellores. Pero como todos, aínda me queda algunha peza desas tendas que todos coñecemos, e pouco a pouco espero ir cambiándoas.
E pouco a pouco, as que non o estean xa, ireinas personalizando. Ou facéndolles arranxos para que teñan unha vida máis longa e non cambialas á mínima. Unha mancha pode converterse nun parche novo, un roto nunha costura nova.
O novo estándar
A ver, a mochila segue sendo grande, acabo de darme conta ao repasar jajaja, pero espero que co tempo necesite unha aínda máis pequena. De momento estou moi contento coa decisión e co novo estándar: se non cabe na miña mochila, é que sobra. E se quero algo novo, sei que teño que quitar outra cousa e doala, non escondela onde non a vexa jajaja.
Porque acumular é o fácil. É o que fai todo o mundo por defecto, sen pensalo. Escoller o que te define e soltar o resto require ser un pouco máis honesto contigo mesmo do que nos gusta admitir.
Ao final é como cando traballas nun proxecto e te decatas de que hai demasiado ruído. Ás veces toca borrar código que xa está feito, recortar o que non achega aínda que che custase traballo. Coa roupa é igual. A diferenza é que aquí, no canto de quedar nunha papeleira, acaba nas mans de alguén que si o necesita.